Música no Camiño Primitivo – Secondo concerto
Concertos no Camiño – Música no Camiño Primitivo
20 Luglio 2022
20:30
Lugo - Igrexa Parroquial de San Miguel de Bacurín

Lidia Basterretxea Vila, soprano
Joaquín Palomares, violín
Joaquín Páll Palomares, violín
Giulio Mercati, órgano positivo

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Bekennen will ich seinen Namen, BWV 200
Para soprano, dous violíns e baixo continuo

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Sonata a trío en sol maior, BWV 1038
Largo, Vivace, Adagio, Presto
Para dous violíns e baixo continuo

Dietrich Buxtehude (1637-1707)
Entreisst euch, meine Sinnen, BuxWV 25
Para soprano, dous violíns e baixo continuo

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Chacona, BWV 1004/5
Versión para dous violíns de Friedrich Hermann (1828-1907)

Georg Philipp Telemann (1681-1767)
Ich she’ fast mit bittern Traenen, TWV 1:862a
Affettuoso, Recitativo, Un poco vivace
Para soprano, dous violíns e baixo continuo

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Sonata a trío I en si bemol maior, HWV 380
Adagio, Allegro, Largo, Allegro
Para dous violíns e baixo continuo

Dietrich Buxtehude (1637-1707)
Herr, wenn ich nur Dich hab, BuxWV 38
Para soprano, dous violíns e baixo continuo

Lidia Basterretxea Vila
Estudou canto no Conservatorio Municipal de San Sebastián coa soprano Mariángeles Rodríguez. Seguidamente estudou técnica vocal en Italia, co tenor Vicenzo Manno e a mezzosoprano Biancamaria Casoni. Seguiu o curso de música vocal de cámara na Civica Scuola di Musica de Milán, co pianista Maurizio Carnelli, e o curso de didáctica da música do C.E.M.B. de Milán, método Giordano Bianchi. Participou en numerosos festivais e tempadas líricas: Temporada de Ópera de Bilbao, Festival Castell de Peralada, Opéra de Rouen, Wiesbaden Staatstheater, Brooklyn Academy of Music. Do 2000 ao 2010 foi responsable do Coro As.Li.Co. do Circuito Lirico Lombardo. Con esta formación participou nas producións operísticas do Circuito Lirico Lombardo e en numerosos festivais líricos europeos (Ravenna Festival, Teatro alla Scala de Milán, Teatro di Legnago, Opéra de Massy, Opéra de Vichy). Colaborou con diversas formacións polifónicas: Capella Mauriziana, Madrigalisti Ambrosiani, Camerata Polifonica di Milano, participando en festivais e eventos coma Milano Musica, Musica e poesia a S. Maurizio e Cantantibus Organis. Actualmente forma parte e é instrutora vocal do Gruppo Vocale San Bernardo, e colabora co coro Concentus Vocum do Conservatorio de Como, dirixido polo mestre Michelangelo Gabbrielli. Como solista deu concertos en Europa, en diferentes formacións e cun repertorio que vai dende a música barroca á contemporánea. Colabora en dúo co organista e clavicembalista Giulio Mercati. Como docente participou no proxecto didáctico Opera Domani para a produción de óperas dirixidas aos alumnos da escola primaria e secundaria, dando seminarios sobre técnica vocal infantil para directores e profesores de toda Italia. Dende 2011 foi directora do Coro di Voci Bianche do Teatro Sociale de Como. É docente de técnica vocal do Curso de Música Litúrxica de Lugo. Dende 2017 ata 2020, para o Teatro Sociale de Como, tivo un curso de canto coral na Casa Circondariale de Como.

Joaquín Palomares
Concertista internacional. Durante a súa etapa de formación foi gañador do primeiro premio en tódolos concursos nacionais máis importantes e laureado en varios internacionais. Na actualidade, está considerado pola crítica musical coma un dos violinistas españois máis internacionais. Diplomado Superior de Violín e Música de Cámara coa máis grande distinción polos conservatorios de Valencia e Bruselas cos Mestres Alos, Leon-Ara, Kleve, de Cank e van den Doorn. Completa a súa formación como concertista cos virtuosos V. Klimov, D. Zsigmondi e A. Rosand (continuador da escola de Auer, Heifetz, Zimbalist), con quen desenvolve un estilo romántico-virtuoso referendado con críticas nacionais coma as de El País («Violinista de extravertida técnica, son potente e incisivo, que impuxo en todo momento a indiscutible lei do virtuoso») e internacionais (Stuttgarter Zeitung: «Un poeta-virtuoso con temperamento latino»; American Record Guide: «As súas interpretacións están dotadas dun vigor e dunha paixón pouco habitual, sempre ao servizo da música»). Co seu debut como solista aos 15 anos (Concerto para Violín de Beethoven) e participación, un ano máis tarde no Carl Flesh Violin Competition de Londres, inicia unha carreira artística polas mellores salas de Europa e Xapón (Concert-Haus de Viena e Oslo, Auditorio Nacional, Teatro Real, Palau, Sala Maffeiana de Verona, etc.) actuando como solista coas orquestras: Nacional de España, RTVE, Valencia, Sinfónica de Asturias, Cidade de Málaga, Sevilla, Castela e León, Rexión de Murcia, Mozartorchester de Viena, Orquestra de Cámara de Lodz, Orquestra de Cámara de Engelberg, Virtuosos da Filharmónica de Berlín, Orquestra de Aviñón, Orquestra de Corda de Kiev, Orquestra de Cámara de Venecia e coas mellores orquestras de cámara españolas; actuando xunto a directores coma Serebrier, Chernouschenko, Mester, Colomer, Galduf, Salwarowski, Jurowski, Maazel, Marosi, etc.; participando en festivais de prestixio coma Santander, Granada, Málaga, Spoleto, Aviñón, Mantova, L’Algher, Turín, Guil-Durance, Herceg Novi, Santorini, Festival S. Fructuoso, Festival Altamarca, Festival Echos, Festival Emilia Romagna, Brianza, Parma, Festival Tartini (Eslovenia), Brage (Dinamarca), Praga, etc.; xunto a intérpretes coma A. Rosand, R. Aldulescu, J. Levine, Bruno Canino, C. Delangle, F. Petracchi, entre outros. Realizou gravacións para os selos Prodigital Records (EUA), Bravo Artists (España), Master Record CD (España), ASV (Reino Unido), DAHIZ Productions e RNE, que inclúen a obra para violín e piano de Brahms, Bartók, Granados, Turina, Grieg, Faurè (cuartetos), Elgar, Delius (primicia mundial, 1998) ou Rubinstein; nomeamento para os Premios Gramófono 1999 xunto ao violista P. Cortese e o pianista M. Wagemans polo seu CD sobre Milhaud, etcétera. Os seus CD en vivo dos concertos para violín e orquestra de Beethoven, Hindemith, Chausson, Serebrier e Montesinos foron recibidos con grandes eloxios da crítica especializada. Aos vinte e dous anos ocupou a Cátedra do Conservatorio de Barcelona (84-85) e dende 1985 a do Conservatorio Superior de Murcia. A súa labor docente ao largo destes anos ven referendada  por máis de cen violinistas profesionais xurdidos da súa aula, moitos dos cales foron premiados en concursos nacionais e internacionais e nutren na actualidade gran parte dos conservatorios e orquestras do país. Músico polifacético —solista, camerista, pedagogo e director— é, ademais, fundador de orquestras coma a Orquestra Clásica Cidade de Murcia, Art Tango Ensemble, Camerata Virtuosi, Beethoven Klavier Quartett ou o trío de corda Beaux-Arts. É convidado a realizar clases maxistrais en centros coma o Real Conservatorio de Música de Bruselas (Bélxica), Conservatorio de Reykjavik (Islandia) e en gran parte dos conservatorios españois. Nos seus concertos actúa cun magnífico violín Nicolaus Gagliano (Nápoles, 1761) e R. Regazzi (Boloña, 2003).

Joaquín Páll
Considerado un dos principais violinistas da súa xeración nos seus países, Islandia e España, Joaquín Páll Palomares comezou a estudar violín da man dos seus pais, Unnur Pálsdóttir e Joaquín Palomares, ambos violinistas. Hoxe é segundo violín principal na Orquestra Sinfónica de Islandia. Anteriormente ocupou o mesmo posto na Randers Kammerorkestrer. Joaquín Páll tocou como solista moitos dos grandes concertos con diferentes orquestras, tanto nacionais coma internacionais, coma os concertos para violín de Sibelius, Mendelssohn e Tchaikovsky coa Orquestra Sinfónica de Islandia, o de Brahms coa Orquestra Sinfónica de Aarhus, o de Beethoven coa Orquestra Sinfónica de Torrevieja e as Catro Estacións de Vivaldi coa Orchestra Femminile Italiana. É, tamén, un activo músico de cámara e interpretou en países coma Alemaña, Inglaterra, Italia, Francia, Illas Feroe, Dinamarca, Países Baixos e Estados Unidos. Ao longo da súa carreira recibiu numerosos premios. En 2007 foi gañador da competición Young Soloists en Islandia, en 2014 gañou un premio na Danish String Competition, así coma noutras competicións na Real Academia Danesa de Música. Joaquín participou en clases maxistrais con algúns dos principais violinistas do seu tempo, coma Guilles Apap, Pekka Kuusisto, Noah Bendix-Balgley e Nikolaj Znaider. Rematou un mestrado así como un título de solista na Real Academia Danesa de Música co seu mestre Serguei Azizian. Tamén rematou a súa licenciatura na ben coñecida Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín en 2013. O seu mestre alí foi Ulf Wallin. Joaquín Páll toca un violín Gabriel Lemböck, feito en Viena ao redor de 1850.